Vento, chora, zosca, brua
por enriba e por embaixo
por aló e acolá.
Zoa, vento rebuldeiro,
remexe ben nos tellados,
entra nos vellos faiados,
róuballe as puchas á xente.
Non andes con requiloiros,
brinca, esmaga, dá trallazos,
fai que canten os axóuxeres,
fai que esperten as arelas,
os ancéios,
os desexos
da xustiza,
da verdá
da liberdá.
Liscou o vento de súpeto,
xa non fixo máis trasnadas,
foise rindo polas chairas,
rindo a cachón polos montes.
Quedou a terra revolta.
Quedou sen acougo o home.
Ten no peito unha inquedanza,
ten na boca un mar de estrelas,
bulíganlle polas mans
margaridas e avelairas,
unha pomba fixo o niño
na sua orella direita.
Anda a semente do vento
a dar froito pola terra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario